Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A Universidade de Vigo organiza o VIII Congreso Internacional de Economía Social EESCOOP 2025
O VIII Congreso Internacional de Economía Social EESCOOP (Escola de Especialización Profesional en Economía Social, Cooperativas e Outras Organizacións de Participación) terá lugar os próximos 12 e 13 de xuño de 2025 na Illa de San Simón, en Redondela, baixo o lema "As Empresas da Economía Social: desde a actividade tradicional cara á innovación tecnolóxica e social".
O evento, organizado pola Facultade de Comercio da Universidade de Vigo, reunirá a destacados investigadores, expertos e profesionais do sector para discutir as liñas de investigación máis actuais e compartir experiencias prácticas dentro do ámbito da economía social.
Durante os dous días de congresos, os participantes poderán asistir a sesións e mesas redondas que tratarán desde as actividades tradicionais ligadas á economía social ata as innovadoras iniciativas que están a xurdir grazas á tecnoloxía e á innovación social. Estes encontros servirán de plataforma para debater os retos máis importantes que a sociedade actual debe afrontar, como a desigualdade social, económica e o cambio climático, temas fundamentais para as empresas da economía social.
O programa inclúe tanto comunicacións académicas como prácticas, que se presentarán de forma presencial a través de diferentes modalidades: orais ou en formato póster. Os resumos serán avaliados por un comité científico, e a data límite para o envío de resumos é o 15 de marzo de 2025.
A Illa de San Simón, un espazo natural de gran importancia histórica, ofrecerá unha contorna única para este evento, que promete ser un punto de encontro clave para todas as persoas interesadas na economía social e a súa evolución.
Descubre máis información na páxina web https://eescoop2025.uvigo.gal/Inscricion-e-Comunicacions/
