Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A Xunta impulsa a nova Lei de Cooperativas de Galicia para fortalecer e modernizar o sector
A Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, vén de comunicar a apertura do proceso de participación pública do anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia, unha normativa que busca fortalecer e modernizar o cooperativismo galego no seu conxunto.
O obxectivo principal da nova lei é reforzar a capacidade das cooperativas como motor de creación de emprego e impulso do emprendemento, especialmente no ámbito rural, e consolidar o papel deste modelo empresarial en sectores clave para o territorio galego, como os servizos sociais, a enerxía ou a vivenda.
A norma pretende ofrecer maior seguridade xurídica e ferramentas máis claras e adaptadas á nova realidade socioeconómica, á vez que incorpora medidas de simplificación administrativa, dixitalización e profesionalización do sector. Estas actuacións buscan facilitar a creación e posta en marcha de novas cooperativas, así como mellorar a xestión e consolidación das xa existentes, reforzando a súa presenza en todo o territorio galego.
Co fin de promover a maior participación posible do sector, a Xunta anima ás entidades e persoas interesadas a remitir achegas ou propostas de mellora a través do formulario dispoñible nese mesmo enlace. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de outubro.
