By admin_eu, 23 Outubro, 2025
A Xunta clausura a 2ª edición da aceleradora de proxectos 'Xerme Ecommerce' para potenciar o emprendemento no comercio electrónico

A Xunta clausura hoxe a segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, que busca seguir impulsando o comercio electrónico ao abeiro da Rede de Polos de Emprendemento e a través da colaboración co Clúster do Ecommerce Galego. Preto dunha vintena de proxectos participaron nesta andaina que hoxe se pecha, destinada tanto a negocios do ámbito do comercio electrónico que precisan un impulso como a outros que aposten por acceder agora ás oportunidades de expansión que ofrece a comercialización dixital.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, foi o encargado de inaugurar o acto de hoxe en Mesía, que clausurará despois a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño. Un acto no que as persoas participantes presentan os seus proxectos ante empresas, institucións e profesionais do sector. Tamén hai un espazo para favorecer o intercambio de ideas, así como novas colaboracións e sinerxías.

Entre as iniciativas participantes destacan as do sector servizos, seguidas en representatividade pola artesanía e o deseño, o deporte, a saúde e a estética, e a alimentación. Dirixidas nun 56% dos casos por mulleres e nun 44% por homes, tamén hai negocios doutros ámbitos como a construción, a moda, o turismo ou os relacionados coa infancia.

Novedades desta segunda edición

Cómpre destacar que esta edición incluíu como novidade dous niveis de formación: un de iniciación, para aquelas persoas emprendedoras que comezan desde cero ou con coñecementos baixos en comercio electrónico, e outro avanzado, para quen xa conta con experiencia na comercialización dixital e precisa un novo impulso.

Grazas a este programa, as persoas participantes recibiron formación e mentorización sobre comercio electrónico, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes por parte de expertos profesionais na materia para lanzar, xestionar, impulsar e rendibilizar os seus negocios en liña. Neste eido, ampliouse o período de mentorías de dous a cinco meses e tamén o número de sesións en relación co ano pasado. Ademais, co obxectivo de axustarse ás necesidades de cada proxecto, adaptáronse os contidos aos grupos creados.

Este programa enmárcase na aposta da Xunta pola innovación no marco do impulso ao emprendemento, potenciando o talento e a competitividade das empresas galegas mediante o apoio, o incentivo e a promoción do comercio electrónico. Ao mesmo tempo, promóvese a convivencia de empresas nativas dixitais con empresas físicas que teñen unha importante actividade en liña, facilitando o aprendizaxe mutuo.

 
 A Xunta clausura a 2ª edición da aceleradora de proxectos 'Xerme Ecommerce' para potenciar o emprendemento no comercio electrónico

Data

Categoria