By admin_eu, 9 Dezembro, 2025
A Xunta aproba por máis de 5,2 M€ unha batería de apoios destinados a reforzar o ecosistema da economía social como motor de emprego no territorio

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde a catro novas convocatorias da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no eido da economía social, que incorporan novidades co gallo de afianzar a aposta desta fórmula empresarial pola xeración de emprego de calidade e sustentable pegado ao territorio. En concreto, aprobáronse o Bono Consolida Economía Social (2,73 M€), os incentivos ás empresas de inserción (1,5 M€), os apoios á realización de actividades de promoción da economía social por parte das entidades colaboradoras da Rede Eusumo (690.000 euros) e os destinados a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción (335.000 euros). Todas estas ordes enmárcanse na Estratexia Galega da Economía Social: Horizonte 2027 e no orzamento próximo aos 45 M€ que a Xunta destinará o ano que vén a este ecosistema. En 2026 tamén verá a luz a nova Lei de cooperativas, co obxectivo de alentar a creación de novas iniciativas en sectores clave para o territorio —como os servizos sociais, a enerxía ou a vivenda— e coa incorporación de medidas de simplificación administrativa e de reforzo da dixitalización e profesionalización para facilitar tanto a creación e posta en marcha de novas entidades como a xestión e consolidación das xa existentes.

Bono Consolida e incentivos ás empresas de inserción

O Bono Consolida Economía Social 2026 aprobado hoxe polo Consello da Xunta, cun orzamento de 2,73 M€, persegue apoiar a consolidación das entidades da economía social, con especial incidencia na transformación dixital e na eficiencia enerxética. Estímase que se beneficiarán destas axudas unhas 250 cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción ou centros especiais de emprego, cunha antigüidade mínima de 42 meses. Ao abeiro desta próxima convocatoria, a Xunta priorizará os gastos de investimento fronte aos correntes co fin de acadar unha efectiva consolidación das entidades da economía social. Dáse así resposta á demanda real detectada na orde deste ano, ao tempo que se prima un tipo de gasto que logra xerar un maior retorno no medio e longo prazo. A maiores, elévase de dous a tres anos a obriga de mantemento da forma xurídica das entidades beneficiarias, así como da súa actividade empresarial, co gallo de asegurar a súa permanencia no tecido produtivo. Canto aos incentivos ás empresas de inserción e ás súas entidades colaboradoras, cun orzamento de 1,5 M€, teñen como obxecto mellorar a empregabilidade e establecer medidas para a inserción normalizada no mercado de traballo, a través de dous programas: para a cobertura do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social e para a compensación dos custos adicionais do emprego destas persoas. Estímase que poderán beneficiarse destas achegas 17 empresas de inserción laboral, para que dean emprego a unhas 170 persoas en risco ou situación de exclusión social e para contratar unhas 12 persoas de nivel técnico ou de dirección das empresas de inserción.

Achegas á Rede Eusumo e ao asociacionismo da economía social

A Xunta eleva os límites de subvención nas axudas para a realización de actividades de promoción da economía social por parte de entidades colaboradoras da Rede Eusumo nas anualidade 2026 e 2027 (690.000 euros), co gallo de reforzar o seu compromiso coa constitución de novas entidades que creen postos de traballo de calidade no territorio. O aumento dos límites —dunha media de 500 €— afecta os puntos de accións formativas e divulgativas, de celebración de encontros e networking e de asesoramento. Estímase que se poderán beneficiar destas achegas unhas 40 entidades, para a realización de máis de 200 actividades nas que participarán máis de 4.000 persoas. Incorpórase tamén como novidade a posibilidade de impulsar accións sobre colectivos vulnerables e discapacidade no eido da economía dos coidados, dentro dos sectores específicos que tamén engloban o agroalimentario, a economía circular e xestión de residuos, as enerxías renovables e transición enerxética, as novas tecnoloxías e intelixencia artificial, o sector industrial, as industrias culturais ou o transporte e mobilidade. Uns sectores que se busca potenciar con esta orde como os novos eidos emerxentes que permitirán afianzar a competitividade da economía social.

Por último, deuse luz verde á convocatoria de 2026 que —cun orzamento de 335.000 euros— está orientada a sufragar os gastos de funcionamento das organizacións representativas da economía social, para procurar un axeitado desenvolvemento destas estruturas e favorecer a súa consolidación. Neste caso, e dando resposta á demanda que se vén detectando, a Xunta eleva o capítulo relativo ás asociacións que representan centros especiais de emprego e empresas de inserción co gallo de garantir o seu papel crucial na integración sociolaboral das persoas con discapacidade e en situación ou risco de exclusión.

A Xunta aproba por máis de 5,2 M€ unha batería de apoios destinados a reforzar o ecosistema da economía social como motor de emprego no territorio

Data

Categoria