By admin_eu, 24 Março, 2026
A Xunta avoga por seguir reforzando as alianzas co mundo académico e as entidades sociais para aumentar a eficacia dos servizos sociais

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, avogou por seguir reforzando as alianzas coa Universidade e o Terceiro Sector para aumentar a eficacia das actuacións públicas dirixidas ás persoas e fogares en situación ou risco de exclusión. Díxoo na inauguración do II Foro Galego Universidade–Terceiro Sector, que está organizado pola Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo e que reúne á comunidade universitaria, Organizacións Non Gobernamentais e empresas de economía social.

Arturo Parrado puxo como exemplos desta colaboración coas universidades os estudos en materia de senfogarismo ou migración, que permitiron mellorar plans e programas de servizos sociais. Tamén destacou o papel relevante que ten a formación e a mellora das capacidades dos profesionais que traballan no ámbito dos servizos sociais na calidade da atención.

Así mesmo, o director xeral destacou a importancia do traballo en rede coas entidades do Terceiro Sector polo nivel de proximidade que teñen coa poboación, o que lles permite coñecer ben a realidade social e crear redes que fortalecen a comunidade. Neste sentido, avanzou que a Xunta está a impulsar a Lei do Terceiro Sector de acción social de Galicia, que será un instrumento para reforzar ás entidades e asegurar a súa participación e actuación.

Centro de día da Fundación Juan Soñador

Por outra parte, Arturo Parrado visitou o centro de día de inclusión social Teranga-Ourense, que xestiona a Fundación Juan Soñador. Alí estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e coñeceu os programas que se desenvolven co apoio económico da Administración autonómica.

Así, o Goberno galego destina preto de 770.000 euros este ano a financiar os programas de inclusión socio-laboral e residencial que leva a cabo esta entidade, así como actuacións de formación adaptada, o servizo de asesoramento xurídico, o funcionamento dos seus centros, e investimentos de mellora e modernización do seu centro de acollida. Estes fondos proceden das últimas convocatorias de axudas dirixidas a entidades para desenvolver programas de inclusión social, unha delas está financiada con cargo ao 0,7% do IRPF e a outra conta con cofinanciamento do FSE+.

Fonte: C. de Política Social e Igualdade

Foro Galego Universidade

Data

Categoria