Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A Xunta pon en valor o Plan de Economía Social de Ribadavia para impulsar o desenvolvemento económico do municipio de xeito ligado ao territorio
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou hoxe a xornada de presentación do Plan Local de Economía Social de Ribadavia, que recolle a diagnose, as principais liñas estratéxicas e as actuacións prioritarias para fomentar este modelo económico no municipio.
Esta acción dá continuidade á recente presentación do Plan Local de Economía Social de Baiona e a iniciativa enmárcase no proxecto piloto promovido pola Xunta para acompañar os concellos galegos na elaboración desta ferramenta. O obxectivo é identificar as oportunidades de cada territorio e definir medidas adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas.
Neste contexto, Marta Mariño puxo en valor a importancia de que os municipios dispoñan de ferramentas propias para dinamizar a economía social, aproveitando os recursos, capacidades e oportunidades existentes en cada territorio. Ademais, no caso de Ribadavia, salientou o traballo participativo desenvolvido na elaboración deste plan local, que contou coas achegas a entidades sociais, cooperativas, asociacións, empresas locais, persoas emprendedoras e outros axentes clave do territorio.
Deste xeito, o plan pon o foco especialmente nos ámbitos agrario, vitivinícola, cultural e turístico, sectores cun forte peso histórico e identitario no municipio, contribuíndo a avanzar na economía social a través do impulso ao emprendemento colectivo, da creación e consolidación de emprego estable e do fortalecemento do tecido produtivo de Ribadavia.
Así, o documento vai en consonancia coa Estratexia galega de economía social horizonte 2027 e coa Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, reforzando desde o local as políticas da Xunta destinadas a favorecer un desenvolvemento económico equilibrado e conectado coas capacidades existentes en cada territorio.
