A Xunta enxalza o labor das cooperativas como motor da economía social e de creación de emprego inclusivo, igualitario e solidario
Rodeiro (Pontevedra), 15 de novembro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe, nas instalacións da cooperativa agroalimentaria O Rodo, no encontro de Outonos cooperativos, unha iniciativa que busca visibilizar as cooperativas como fórmula económica solidaria e pegada ao territorio a través de experiencias reais. Alí puxo de relevo o modelo de éxito das cooperativas en Galicia e o seu papel na economía social e na creación de emprego inclusivo, igualitario e solidario.
A xornada de hoxe nesta cooperativa do concello pontevedrés de Rodeiro consistiu nunha visita guiada polas súas instalacións, seguida dun faladoiro sobre experiencias de participación en cooperativas a cargo de representantes do Rodo, da cárnica cunícola Cogal, da consultora Abeluria e do proxecto de educación social e ambiental Educalecrín. Tamén contou cun obradoiro de cociña con produtos de tempada, locais e de orixe cooperativa e cunha actuación musical. A este evento sumarase outro o martes 19 de novembro na praza de abastos de Santiago de Compostela e ambos están promovidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración xunto coas entidades representativas das cooperativas galegas.