Asier Epelde: “Queremos que Ben Mercado sexa unha tenda en liña referente para a economía social”

Hai xusto un ano, a tenda en liña de Ben Mercado abría as súas portas para prestar dous servizos. O primeiro, crear una plataforma de comercio electrónico de calidade para que calquera entidade de economía social de Galicia, con independencia do seu tamaño, puidese vender en liña. O segundo, xuntar forzas para ser máis visibles no gran espazo de Internet. Facemos balance de 2018 con Asier Epelde, socio de Ítaca Software Libre, unha das cooperativas promotoras.

 

Como xorde a idea de crear a tenda en liña Ben Mercado?
Ben Mercado xorde dun grupo de cooperativas preocupadas por darlle visibilidade ao sector en Internet e pola prestación de servizos de comercialización en liña, nomeadamente para as pequenas entidades. Algunhas estaban contratando estes servizos sen chegar a un nivel de calidade suficiente. Quixemos dar resposta a estas dificultades a través dunha tenda común que potenciase a idea dun mercado social: dar opcións de compra responsable, crear unha tenda para quen quere apostar co seu consumo pola economía social e solidaria en Galicia.

Cantas entidades venden a través de Ben Mercado e como é a loxística?
Actualmente somos 20 entidades as que vendemos produtos ou servizos a través de Ben Mercado, representando a sectores como a alimentación, a artesanía, a moda ética ou a cultura, entre moitas outras. Tras a compra, cada entidade fai os seus envíos ao cliente a través do servizo de transporte contratado por Ben Mercado ou mediante o provedor co que traballe habitualmente.

Levoulles moito tempo facer as xestións iniciais ata que lanzaron a plataforma?
O contacto coas diferentes entidades foi un proceso dinámico con boa acollida que permitiu que as diferentes cooperativas e iniciativas de economía social se coñecesen entre si e mesmo xurdisen novos proxectos entre elas. No noso primeiro ano de vida sumáronse outras cinco entidades a Ben Mercado e esperamos moitas máis nos vindeiros meses.

Como resumiría este primeiro ano de vida?
O certo é que un proxecto como Ben Mercado, único en Galicia e non habitual no resto do Estado non é un camiño fácil e tivemos que abordar moitos aspectos que non valoramos ao principio, como as implicacións legais dunha venda deste tipo. Foi un proceso de aprendizaxe e de ir avanzando. Quédanos aínda moito camiño por percorrer e nese camiño queremos contar cada vez máis co apoio das persoas comprometidas coa economía social, para converternos no seu referente de tenda en liña.

Cales son os seus próximos retos?
O volume de vendas é discreto polo momento. Queremos dar pasos firmes e, para iso, neste momento, a prioridade é sumar máis entidades e máis oferta de produtos e servizos para incrementar as sinerxías que se producen cando nun mesmo espazo se dan a coñecer tantas entidades.

Que é o que máis valoran os seus usuarios de todo o proceso de compra?
Poder mercar un pouco de todo sen ter que visitar varias webs: libros, agasallos, artesanía, alimentación… e ademais con contido social. O que antes implicaba ter que facer varios pedidos, esperar cada paquete, etc agora pódeno facer todo xunto. Como se soe dicir, nun só clic.

 

BEN MERCADO EN DATOS

Ano de creación: Decembro de 2017
Entidades colaboradoras: 20 entidades
Sectores de venda: alimentación, arte, cultura, educación, decoración, infantil, medicina, moda, ocio, servizos e tecnoloxía
Web: benmercado.gal

 

Luns, 7 January, 2019 - 18:15

Compartir