Entrevista a Carmela Valiño e Chusa Expósito, socias traballadoras da cooperativa Milhulloa
“Estamos sorprendidas co éxito do leite corporal Muuhlloa e en breve sacaremos novos produtos de cosmética”
A contorna natural na que se atopa a sede da cooperativa Milhulloa é privilexiada. A escasos tres quilómetros do castelo de Pambre, en Palas de Rei, e dos torrentes do Mácara, esta cooperativa está formada por mulleres emprendedoras que, hai xa 16 anos, foron pioneiras na comercialización de plantas aromáticas e medicinais en Galicia. Desde hai uns meses, suman unha nova liña de negocio no eido da cosmética e esperan seguir medrando co lanzamento de novos produtos.
Como xurdiu a idea de crear a cooperativa e como foi ese proceso?
[Carmela] Xusto estamos de aniversario, xa que hai 16 anos que creamos a cooperativa. Cando rematamos os estudos tiñamos que buscar un traballo e, naquel momento, participamos nun curso de creación de empresas no que xurdiu a idea. A isto sumouse o feito de que dispoñamos dunha finca propiedade da familia de Chusa e, con eses parámetros, centramos o proxecto na elaboración de plantas medicinais, que estaba relacionado coa nosa formación en bioloxía e farmacia. Ao tempo que completamos todo o proceso de rexistro da cooperativa, acondicionamos a infraestrutura que había na finca, que antes era unha cuadra de vacas, transformándoa nunha industria agroalimentaria. A día de hoxe está composta por unha cámara de secado, sala de envasado, oficina e laboratorio. Os comezos foron moi difíciles porque o consumo de plantas medicinais era moi baixo. Debido a que non había moita saída no mercado para eses produtos, pensamos en alternativas, sobre todo porque fixeramos un investimento importante na cámara de secado e tiñamos que seguir adiante. En paralelo, comezamos a ofrecer obradoiros de formación para o aproveitamento de plantas medicinais ata que, en 2005, lanzamos o grelo deshidratado. Con isto optimizamos o uso do secadoiro e tamén pretendiamos desestacionalizar o consumo dun produto como o grelo. Foi o que nos permitiu manter a actividade e cumprir coas nosas obrigas financeiras. Co paso dos anos seguimos diversificando e hai dous anos decidimos innovar coas plantas medicinais no campo da cosmética, coa crema corporal Muuhlloa, creada conxuntamente con Granxa Maruxa, e que lanzamos hai cinco meses.
Por que a opción cooperativa?
[Chusa] Nunca tiveramos moito contacto co mundo cooperativo, excepto pola experiencia das nosas nais, que traballaron nunha cooperativa téxtil. A elección debeuse a que consideramos que era a fórmula empresarial máis democrática, xa que non tiñamos un xefe, eramos todas iguais e co mesmo dereito de voto. Na decisión tamén tiveron peso as axudas que facilitaba a Administración, que necesitabamos.
Como valorades estes 16 anos coa cooperativa?
[Chusa] Moi ben. Xa desde o principio coñecemos a moitas cooperativas que nos botaron unha man e recibimos apoio das asociacións de traballo asociado, tanto Ugacota antes como Espazocoop agora.
Ao longo da vosa traxectoria, Milhulloa recibiu numerosos recoñecementos e foi a primeira empresa de Galicia que comercializou plantas aromáticas e medicinais. Que tipos de produtos vendedes e cal é o voso proceso produtivo?
[Carmela] O día a día da cooperativa varía en función de diversos factores, como son as estacións do ano ou a chuvia. Aínda así, contamos cunha programación mensual e, ao mesmo tempo, facemos pedidos, elaboramos os ingredientes dos nosos produtos cosméticos e preparamos os obradoiros sobre aproveitamentos de plantas medicinais e aromáticas. Os nosos produtos son, por un lado, infusións de artemisa, chantaxe, milenrama, menta, melisa, entre outras, e, ademais, comercializamos o grelo deshidratado, que é o noso produto por excelencia. Ao comezo, produciamos especias como o ourego, perexil, romeu e tomiño, pero vimos que é un produto que nos últimos anos aumentou moito o seu consumo debido á maior conciencia por unha dieta saudable, polo que recibimos máis pedidos das tendas, que querían un maior abanico de especias. O que fixemos foi ampliar a nosa oferta con especias que non se soen dar en Galicia, como son as pementas ou a canela, que as mercamos nos países de orixe.
Cales son as vosas canles de venda principais?
[Chusa] Comercializamos directamente. As tendas fannos o pedido a través de Internet ou vía WhatsApp, e preparámolo. Temos un pedido mínimo para envialo gratuitamente e facemos nós o reparto no caso de cidades próximas como Lugo e Santiago. Sorprendeunos a resposta de fóra de Galicia, xa que contacta connosco xente de diferentes puntos da xeografía española, como Guipúscoa, Marbella, Ávila ou Xixón. Moitos coñecen o noso proxecto a través das redes sociais ou gracias ás reportaxes que nos fan na televisión ou nos xornais.
Cal é o perfil dos vosos clientes? É máis rural ou urbano?
[Chusa] En xeral, son persoas que se preocupan pola alimentación, o medio ambiente e que fomentan un consumo responsable, xa que mercan a comida que van consumir pola semana e non fan caso das constantes promocións que tanto trunfan nas grandes cadeas comerciais. Sobre todo, é un público máis urbano, xa que os nosos produtos móvense moito en cidades como Lugo ou Santiago. Ademais, as tendas coas que traballamos fan moitos cursos, charlas relativas á agricultura ecolóxica e ao eido sustentable, polo que os clientes están bastante máis informados. E tamén traballamos cos grupos de consumo.
Como funcionan os obradoiros?
[Chusa e Carmela] Contrátannos os concellos e a Deputación, que cada tres meses saca unha listaxe de cursos de todo tipo. E tamén colaboramos coa Universidade de Santiago nos seus cursos de verán. Aparte, levamos os nosos obradoiros a institutos, colexios, escolas de capacitación agraria e asociacións rurais.
Cal é o significado do nome Milhulloa?
[Carmela e Chus] Foi unha combinación que mesturaba a orixe xeográfica da cooperativa, a comarca da Ulloa, coa evocación da natureza a través de expresións como mil flores, mil follas. Sobre todo queriamos asociar os nosos produtos coa súa dimensión máis natural e sustentable, dous elementos cada vez máis valorados polos consumidores.
Considerades que o feito de traballar no rural co modelo cooperativo é un factor importante á hora de vender?
[Chus e Carmela] Si, as persoas cada vez están máis concienciadas, ben sexa por cuestións de saúde ou doutro tipo. O que si pensamos que é importante é darlle un maior protagonismo a un selo que identifique o sector da economía social de Galicia e que se sume a outros xa existentes como o do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
Tendes en mente novos proxectos?
[Chus e Carmela] Quédanos moito que facer no campo da cosmética, pero a curto prazo queremos potenciar o leite corporal Muuhlloa, que en tan pouco tempo tivo moi boa acollida e que esperamos que teña máis recorrido para que reverta na cooperativa e poidamos aumentar a produción. Estamos sorprendidas do éxito do leite corporal e imos a continuar por esta liña de negocio. En breve sacaremos o fornecedor de pelo, que case está rematado, para posteriormente desenvolver o xel, xampú e o hidratante de cara. A idea é facer produtos unisex que poidan ser usados por todos os membros da familia.