Entrevista a Francisco Arriví, presidente da cooperativa Cannaliza

“O cánabo, ao igual que a economía social, ten moito potencial: nunha hectárea prodúcese tanto como en catro de eucalipto”

 

O cánabo é un produto con moitas aplicación industriais e usos en sectores tan distintos como a construción, a medicina e a cosmética. En Galicia e España aínda se está introducindo con timidez, pero noutras partes do mundo xa se compara co grafeno en canto ás súas posibilidades e potencial. Cannaliza é unha das cooperativas máis recentes da nosa comunidade, pero xa se está convertendo nun referente na produción do cánabo e a súa hidromel Manuela foi a gañadora do Mellor Produto de Cánabo 2017 da feira Spannabis, a máis importante do sector en España.

 

1.- Cal é a traxectoria e actividade de Cannaliza?

A cooperativa creouse hai dous anos. Antes da súa constitución estivemos facendo investigacións sobre o cultivo do cánabo en Galicia e os seus produtos. Non é fácil introducir novos produtos na nosa terra, pero pouco a pouco o que vendemos está tendo aceptación, tanto as cervexas, a hidromel, a fariña e a pasta, que son algúns dos produtos que se poden extraer do cánabo.

 

2.- En que situación se atopa o sector do cánabo?

En Europa o cánabo é un produto con forza, pero en España e Galicia o sector aínda está introducíndose con timidez. Na actualidade as administracións públicas están apoiando en maior medida ao cánabo. Na nosa comunidade destaca o labor de Espazocoop, que tamén actúa no marco da Rede Eusumo,  e que nos está guiando en todo momento. Co seu apoio estamos dando a coñecer os nosos produtos. Aparte do sector alimentario, o cánabo ten usos industriais, medicinais e cosméticos. Permite obter multitude de produtos, pero en Cannaliza centrámonos nos que podemos ser máis competitivos, que son a fibra, a semente e a flor.

 

3.- Que vantaxes ten este sector para o agro galego?

Por unha parte, permite fixar poboación de persoas mozas no rural e evitar, deste forma, que emigren. En segundo lugar, garante ingresos adicionais a agricultores con cultivos rotativos, permitindo que a xente viva máis dignamente do que produce a nosa terra.

 

4.- A idea de crear unha cooperativa foi vocacional?

A economía social ten moito potencial e estamos moi convencidos da dinámica interna das empresas cooperativas. Consideramos que a achega de ideas por parte de todas as persoas que forman parte da cooperativa é un aspecto clave. Está claro que é complicado coordinar esas ideas para levalas todas a un mesmo camiño, pero hai casos de éxito destacados en Galicia, como as cooperativas O Val, Meirás, Os Irmandiños, Delagro e a Corporación Mondragón no País Vasco. Son cooperativas que funcionan e que achegan economía social a todas as rexións.

 

5.- Polo tanto, considera que a economía social ten moito potencial.

Todo o mundo ten cabida na cooperativa, isto non é só para catro persoas. Non emprendemos cunha cooperativa para facernos ricos, senón para vivir dignamente. Ademais, existe unha gran oportunidade no sector cooperativista: ata agora era un gran descoñecido e todas as persoas tendemos a desconfiar do que non coñecemos. Pero a mentalidade está cambiando. Tanto a Rede Eusumo da Xunta de Galicia como Espazocoop están facendo un labor impresionante na difusión das posibilidades da economía social. Gracias a estas entidades o sector coñécese moito máis. Hai que crer no potencial da xente.

 

6.- O cánabo aínda é un produto descoñecido. Algún dato curioso que fale da súa importancia?

A produción dunha hectárea de cánabo equivale á xerada en catro hectáreas de eucalipto para pasta de papel. Recóllese todos os anos e, ao mesmo tempo, enriquece a terra. Ten moitas achegas para o territorio.

 

7.- Que variedades existen e cales se producen mellor en Galicia?

Dentro do cánabo hai distintas variedades autorizadas pola Unión Europea. Dentro dos 300 tipos existentes, podemos destacar as nórdicas e mediterráneas. No caso de Galicia, debido á nosa situación xeográfica e o clima, prodúcese con mellor calidade a tipoloxía nórdica, que está máis acostumada ao frío e á humidade, pero en Ourense, que ten un microclima máis seco, hai cabida para as dúas variedades. Galicia ten moitas peculiaridades. Un exemplo é que ten un solo ácido, cun pH de entre un 4 e 4,5, mentres que o pH das plantas como o cánabo precisa un pH neutro, entre 6 e 7. Sen embargo, é un cultivo que se produce ben. Temos unha terra cunhas condicións estupendas, polo que hai que aproveitalas!

 

Venres, 31 March, 2017 - 09:15

Compartir