A importancia socioeconómica do cooperativismo en Galicia

O cooperativismo galego atópase en pleno auxe. En Galicia, con datos de 2015, existe un total de 1263 cooperativas activas, que aglutinan 93 000 persoas socias e crean 21 000 postos de traballo directos, o que significa que preto do 2 % dos ocupados galegos están vinculados ao cooperativismo. Se falamos en termos de facturación, o cooperativismo galego alcanza a cifra de 2435 M€ en 2013 (último dato dispoñible).

No referido ás cooperativas creadas nos últimos anos, constituíronse no territorio galego máis de 324 cooperativas desde 2009 ata 2014, o que supón un total de 5258 socios, e alcanzouse un crecemento sostido reflectido nas 69 cooperativas creadas no último ano.

Este son algúns datos que cómpre destacar:

  • En Galicia existen 1263 cooperativas activas.
  • Contan con 93 000 persoas socias e 21 000 postos de traballo directos.
  • Un 2 % dos ocupados galegos están vinculados ao cooperativismo.
  • A facturación global é de 2435 M€.
  • Creáronse 69 cooperativas en 2014.

O cooperativismo en Galicia

O cooperativismo galego non parou de medrar desde 2009. A pesar do momento de crise actual polo que se atravesa, mostra un crecemento sostido que se reflicte nos datos das cooperativas activas nos últimos anos. Mentres que outras formas xurídicas caeron de forma estrepitosa, en Galicia alcánzase ata o momento a cifra de 1263 cooperativas activas, un 13 % máis que as cooperativas existentes en 2009, ano do inicio da crise económico-financeira.

As provincias da Coruña e Pontevedra son as que máis cooperativas concentran, un 67 % do total de cooperativas activas, mentres que Lugo representa un 19 % sobre o total e Ourense, un 14 %.

Evolución das cooperativas activas na comunidade galega. 2009-2015
 
Fonte: Consellería de Traballo e Benestar. Xunta de Galicia

 

Distribución sectorial das cooperativas galegas

En canto á distribución sectorial das cooperativas galegas, o maior número concéntrase na categoría de traballo asociado, ao redor do 50 %, se ben é certo que baixo a tipoloxía de traballo asociado aparecen cooperativas de sectores moi diversos.

A segunda categoría con maior número de cooperativas sería a agraria, que concentra o 30 % das cooperativas existentes na nosa comunidade autónoma. Con todo, as agrarias teñen un papel protagonista en Galicia, xa que, sen ser as máis numerosas, son as que contan co maior número de socios cooperativistas, que representan o 45 % do total dos socios cooperativistas en Galicia. É importante destacar que as cooperativas agrarias galegas facturaron ao redor de 1500 M€ en 2013 (último dato dispoñible), o que supón o 7 % da facturación total do cooperativismo agrario español.

Tipoloxía das cooperativas galegas
 
Fonte: Consellería de Traballo e Benestar. Xunta de Galicia

 

Estímase que o número total de socios nas cooperativas de Galicia é de 93 000. Isto representa case o 2 % do total de poboación activa en Galicia.

Mentres noutros tipos de modelos económicos non se para de destruír emprego, no mundo cooperativo estanse creando postos de traballo, ben sexa como socios promotores ou como traballadores asalariados.

A constitución de novas cooperativas na comunidade galega

No ano 2014, último dato coñecido, constituíronse 69 cooperativas, co que se segue a senda de crecemento iniciada en 2009, cando se crearon 43, e consolidada en 2013, cando se alcanzou o número de 64. Esta última cifra recollida en 2014 (69 cooperativas) é a maior cifra de cooperativas constituídas nos últimos dez anos, a pesar do escenario de crise económico-financeira actual.

Estes datos, 324 cooperativas creadas no período 2009-2014, o que supón un total de 5258 socios, reflicten que a economía social está a consolidarse como un modelo empresarial protagonista na Comunidade Autónoma de Galicia.

Evolución da creación de cooperativas na comunidade galega. 2009-2014
(324 cooperativas creadas)


Fonte: Consellería de Traballo e Benestar. Xunta de Galicia

 

Distribución das cooperativas constituídas por provincias no período 2009-2014
Das 324 cooperativas constituídas no período 2009-2014, a maioría atópase nas provincias da Coruña (39 %) e Pontevedra (30 %).

Porén, se analizamos onde se sitúan as novas cooperativas constituídas en 2014, a provincia de Lugo concentra tantas cooperativas como a de Pontevedra, un 27 % ambas, por debaixo da Coruña, cun 37 %, e por riba da provincia de Ourense, que concentra un 9 %.    

Base: 324 cooperativas constituídas no período 2009-2014. 

 

Distribución sectorial das cooperativas galegas constituídas no período 2009-2014

A distribución sectorial das cooperativas galegas constituídas no período 2009-2014 obedece á mesma situación das cooperativas galegas activas, é dicir, as de traballo asociado (53 %) e as agrarias (19 %) seguen sendo a tipoloxía predominante nas novas cooperativas creadas.

Base: 324 cooperativas constituídas no período 2009-2014.

 

Para máis información:
Tlf: 981 55 80 08
info@eusumo.coop
www.eusumo.coop

 

 

Compartir