Rodrigo Osorio da cooperativa Zocamiñoca: “Nunha cidade como A Coruña hai mercado para tres ou catro Zocamiñocas”

Entrevista a Rodrigo Osorio, socio da cooperativa Zocamiñoca

Existe outra forma de consumir, como demostra o labor desenvolvido pola cooperativa Zocamiñoca, situada no barrio de Eirís na Coruña. Neste establecemento, que non se define como unha tenda convencional, véndense produtos frescos e a granel subministrados por provedores locais nun radio de 50 quilómetros da cidade. Xente de todas as idades está participando activamente nesta iniciativa que pon en valor o consumo consciente, a ecoloxía e unha vida máis sostible e saudable.

 

1.- Como xurdiu a cooperativa Zocamiñoca?

A cooperativa xurdiu do interese de sete persoas da Coruña interesadas polo consumo consciente como alternativa ao ordinario, polo que avaliaron que posibilidades había para levar a cabo unha iniciativa destas características. Analizaron as iniciativas existentes no Estado e en Galicia, como se crearan e se organizaban. Foi entón cando decidiron que unha cooperativa de consumo era o máis acaído aos seus plans.

2.- Que referencias hai doutras cooperativas de consumo consciente en Galicia?

Había unha bastante coñecida que xa non está activa, que se chamaba Soliña. Na actualidade existen algunhas cooperativas de consumo consciente como Árbore e Panxea.

3.- Entón as persoas impulsoras detectaron unha necesidade de crear algo neste sentido, non?

Claro. Estabamos preocupados polo consumo responsable e pola influencia que teñen as nosas compras diarias en aspectos tan básicos como a alimentación, a ecoloxía, os dereitos sociais do resto da xente e a saúde. Levar esa loita individualmente é moi complicado, mentres que nunha cooperativa as diferentes persoas poden partillar o traballo: coordinarse para buscar información sobre os produtos, organizar os pedidos, xestionar un sistema informático e o sitio web de Zocamiñoca, traer os produtos ata o centro que temos na Coruña dende o que os distribuímos.  

4.- Que tipo de produtos?

Tentamos ter cubertas todas as necesidades básicas: verduras, froitas, fariñas e grans (temos un muíño para facer as fariñas) pan, pasta, repostaría, carne,  ovos, produtos lácteos, chocolate, café, infusións, conservas de peixe, produtos de limpeza e hixiene persoal...Ademais, os produtos frescos pódense atopar nalgunha tenda ecolóxica, pero non con provedores tan próximos xeograficamente como os nosos, así como os alimentos de pasta en granel, que non é  doado mercalos nunha cidade como A Coruña.

5.- Todo o que está á venda neste centro procede de produtores locais dun radio de 50 ou ata 100 quilómetros nalgúns casos, verdade?

Así é. Tamén é certo que hai outros produtos que non se poden atopar en Galicia. Por exemplo, o chocolate e o café, que non se producen na nosa comunidade, pero que nós buscamos seguindo uns criterios ecolóxicos, que son os de proximidade e o menor impacto posible na contorna. Por iso tamén sempre preferimos o granel ao envoltorio.

6.- Como está funcionando a cooperativa na Coruña? Ten máis dinámica de barrio ou chega a un espazo maior?

Non ten unha dinámica de barrio, senón que abrangue máis. Fai apenas catro meses, tivemos unha xuntanza con dúas cooperativas, unha de Cataluña e outra de Madrid, e que teñen un tamaño semellante ao noso. O obxectivo foi analizar problemas comúns e dinámicas de funcionamento. Descubrimos que a cooperativa madrileña de dimensión similar á nosa era unha das catro que operaban no seu barrio, o que dá unha idea do seu potencial. Na Coruña hai poboación e mercado suficiente para ter outras tres ou catro Zocamiñocas. De momento non é así, polo que hai xente que vén a mercar aquí procedente de toda A Coruña e de fóra da cidade. De cotío está chegando xente de todas as idades, incluídos mozos e mozas, que se incorporan á cooperativa para contribuír e participar activamente. En realidade, Zocamiñoca non é unha tenda, senón que as persoas que nos reunimos aquí temos unha serie de inquedanzas e, dentro das nosas posibilidades, colaboramos para que siga funcionando.

7.- Se a cooperativa segue medrando, tendes previsto a apertura de novos centros?

Ese é un eterno debate que temos no seno de Zocamiñoca, se medrar ou non, pero realmente a idea non é tanto crecer, senón dividirse. Trátase dun comercio de proximidade, polo que entendemos que as novas deben ser cooperativas de veciñanza. Gustaríanos que houbera tantas Zocamiñocas como barrios hai na Coruña. Iso sería o ideal. Todo o traballo que fixemos ata agora está á disposición de calquera que queira crear unha cooperativa deste tipo, tanto dende o soporte informático como a posta en contacto cos provedores locais que xa nos subministran a nós. Consideramos máis axeitada esta fórmula xa que a maior parte da xente está máis disposta a comprar no seu barrio que achegarse ata aquí unha vez á semana.

8.- Como valoras a función que hoxe en día desenvolve a economía social, na que priman máis as persoas que o capital?

É a única alternativa posible tal e como están as cousas na actualidade. Non hai outra posibilidade. Considero que, polo momento, está dirixida a xente moi concienciada, e comprobo que en iniciativas como Zocamiñoca colaboran persoas convencidas en cousas moi diversas: de que o capitalismo non é o sistema axeitado ou do prezo xusto para cada cousa, prescindido dos intermediarios. Os que veñen mercar aquí saben que negociamos dúas veces ao ano o prezo cos produtores, que se levan de forma íntegra o valor do que venden. Deste xeito, os socios contribuímos á mellor vida da xente do agro. Por outro lado, está a defensa da ecoloxía, que tamén se fai con este tipo de iniciativas.

9.- E desta forma potenciades a economía local...

Claro. De feito, penso que a economía social só pode ser economía local, xa que de nada serve mercar as leitugas a produtores que están a miles de quilómetros de distancia. No noso caso, buscamos que, se é posible, os produtores sexan cooperativas, nas que os traballadores teñan uns dereitos e condicións laborais dignas. Intentamos ter un control sobre todo o proceso e que todo sexa compatible coa nosa filosofía.

10.- Entón Zocamiñoca non ten ánimo de lucro.

Correcto. Hai unha cantidade de cartos que se queda a cooperativa para subsistir e para pagar a nómina dunha socia contratada a tempo parcial e os gastos fixos e ordinarios derivados da nosa propia actividade. O ano pasado tivemos beneficio pero o destinamos a pagar os gastos da xuntanza que tivemos con outras cooperativas do Estado.

11.- Cales son os perfís das persoas que impulsan e colaboran con Zocamiñoca?

Son moi variados. Son persoas de todas as idades, aínda que non hai estudantes dado que os prezos de Zocamiñoca son un pouco superiores aos do comercio convencional. Hai moita persoa traballadora, incluso temos como socios a desempregados que, na medida do posible, seguen mercando aquí.

12.- Cantos socios ten agora Zocamiñoca?

Somos uns 130 socios, aínda que soe ser unha media de 70 persoas a que fai pedidos cada semana. En principio a xente ten que ser socia para comprar, pero temos un período de proba dun mes e medio para que cada persoa poida valorar se lle convence este modelo.

 

Se queres coñecer máis sobre Zocamiñoca preme en: www.zocaminhoca.org

http://www.zocaminhoca.org/zocaweb/images/logo.png

Avda. dos Caídos,
199 15009 A Coruña
Web.- www.zocaminhoca.org
Correo.- zocaminhoca@gmail.com
Tfno.- 698 183 847

 

 

Venres, 15 April, 2016 - 09:30

Compartir