A Xunta celebra en Melide o Día mundial do emprendemento poñendo en valor o papel da rede de Polos no impulso e consolidación de novos proxectos

Melide (A Coruña), 16 de abril de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe na xornada de celebración con motivo do Día Mundial do Emprendemento organizado no Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Melide. O obxectivo desta cita é visibilizar o ecosistema de emprendemento galego —no que a Rede de polos xoga un papel fundamental— e poñer en valor experiencias e proxectos reais para reflexionar, dialogar e compartir aprendizaxes clave neste proceso.

Nas súas intervencións, tanto Pablo Fernández como Marta Mariño, fixeron fincapé no esforzo prioritario do Goberno galego a prol do emprendemento, ao que se destinan máis de 32 millóns de euros neste exercicio, con especial foco naquel que ten pegada directa no territorio e nas contornas onde se asenta. Neste senso, aplaudiron o labor da Rede de polos que, desde a súa creación no ano 2022, conta con 15 oficinas distribuídas por toda a Comunidade e presta, de forma gratuíta, asesoramento individualizado tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidarse, cunha cifra na actualidade de máis de 3.700 proxectos asesorados. 

Por outra banda, lembraron outras iniciativas como o proxecto Fixar, aposta pioneira impulsada pola Xunta para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural e que, con 60 participantes na primeira edición, busca consolidar unha rede de sinerxías para os emprendedores, ofrecéndolles orientación e formación en áreas como a xestión de proxectos, estratexias de emprendemento e networking e ferramentas para desenvolver os seus negocios e iniciativas desde a contorna rural.

Galicia, Rexión Emprendedora Europea 2025

As políticas de apoio ao emprendemento impulsadas pola Xunta levaron a Galicia a recibir o galardón europeo como Rexión Emprendedora Europea 2025, un recoñecemento ao esforzo continuado para desenvolver o potencial das catro provincias galegas con diversidade de actividades empresariais que aproveitan os recursos existentes e contribúan a fixar poboación e a dinamizar o territorio.

Entre as medidas que o fixeron posible tamén destaca o impulso do Mapa do emprendemento virtual, que integrará todos os axentes, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia, ou a publicación de microguías informativas para poñer en marcha e xestionar un negocio.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Mércores, 16 April, 2025 - 17:45

Compartir