A Xunta traballa na simplificación administrativa das axudas aos centros especiais de emprego para facilitar o seu labor de inserción das persoas con discapacidade

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, explicou hoxe que a Xunta traballa na simplificación administrativa das axudas aos centros especiais de emprego -CEE- da man das entidades implicadas e co obxectivo de facilitar o seu labor e atender de xeito máis eficaz as necesidades dos beneficiarios, favorecendo a súa inserción no mercado laboral. Nesta liña, sinalou que en próximas semanas se lanzará a convocatoria de 2025 de achegas a estes centros, enmarcada nos preto de 45 millóns de euros que o Goberno galego ten orzamentados este ano para a economía social.
Así o trasladou durante a visita ao centro especial de emprego Máis Porvir, en Cabana de Bergantiños, un dos 135 que hai en Galicia, que pertence á Asociación Íntegro, está asociado a Cegasal e que a Administración autonómica apoia con achegas coma estas. Alí o titular de Emprego tamén coñeceu o labor que desenvolve a carpintaría de madeira e plástico deste centro e estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; o presidente de Cegasal, Mino Martínez; o administrador e a xerente de Máis Porvir, Ramón Pombo e Sandra Caamaño; o presidente de Íntegro, Adolfo López, así como polo alcalde deste concello, José Muíño, entre outros.
Ademais, José González sinalou que Máis Porvir é unha clara mostra do papel fundamental destas entidades na inclusión, orientación e formación para o emprego de persoas con diversidade funcional. Neste sentido, a través da súa unidade de apoio acompaña de xeito personalizado ás persoas traballadoras con diversidade funcional para eliminar dificultades que poidan ter no seu posto.
Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027
O conselleiro explicou tamén que o impulso aos centros especiais de emprego forma parte da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027, que conta con máis de 170 millóns de euros de orzamento e que aspira a xerar 4.000 empregos e 400 novas entidades nos vindeiros dous anos. Outra medida do Goberno galego a prol do emprego inclusivo e da economía social á que fixo referencia é o impulso da contratación reservada a través dun acordo polo que reserva unha porcentaxe mínima da súa contratación pública a CEE de iniciativa social e a empresas de inserción.
Tamén se referiu ao Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual, así como ás axudas a entidades da economía social, entre elas, Aprol Economía Social (5M€) ou o Bono Consolida (2,7M€) e as destinadas ás entidades da Rede Eusumo. Ademais, lembrou que o programa Galicia Emprega (case 20 M€) abarca unha liña específica de 3M€ para a contratación de persoas con discapacidade ou risco de exclusión social.