Por admin_eu, 26 Marzo, 2025
A Xunta impulsa a visibilidade e o crecemento da economía social a través do novo portal estatístico ‘Galestat’

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá no acto central organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) —a través do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (Cecoop)— co motivo da celebración da VI Semana Universitaria da Economía Social. Neste acto, presentouse o novo portal estatístico da Economía Social en Galicia (Galestat) que ten como obxectivo ofrecer de forma permanente e continuada a información estatística máis relevante dos diferentes actores que integran a Economía Social galega co fin de axudar á toma de decisións públicas, elaboración de traballos académicos e para o desenvolvemento e visibilización do sector.

Galestat —que conta co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— consolida a Galicia como un referente na posta en valor da Economía Social, sendo a primeira comunidade autónoma que presenta un portal estatístico no seu territorio na súa propia lingua e responde así ás liñas marcadas pola Comisión Europea no Plan de Acción Europeo da Economía Social, nas que se establece a recopilación de datos e estatísticas adecuadas como un dos factores clave para a visibilización, recoñecemento e desenvolvemento deste sector.

Posteriormente, a directora xeral fixo unha valoración do Informe da Economía Social en Galicia 2023, elaborado polo Cecoop no que destacou a creación de 138 cooperativas —a segunda cifra máis elevada da serie histórica–, as case 60 novas sociedades laborais —que corresponden ao 24% do total das constituídas no conxunto estatal— ou a creación de novos centros especiais de emprego. Neste informe analizánse tamén as políticas públicas para o desenvolvemento deste eido, así como unha análise da percepción dos emprendedores galegos, senso no que lembrou que o Goberno autonómico pon a disposición de todo o tecido emprendedor as 15 oficinas activas por toda Galicia da Rede de polos, nas que se ofrece asesoría e acompañamento gratuíto na posta en marcha ou consolidación de calquera fórmula de negocio.

Estratexia galega da economía social: horizonte 2027

Neste eido, Marta Mariño fixo fincapé no compromiso do Executivo coa economía social, campo ao que destinará case 45 M€ en 2025, impulsando tamén a Estratexia galega da economía social: horizonte 2027, coa que se estima crear 4.000 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades. Esta estratexia tamén abarca os apoios específicos para incrementar a competitividade das diferentes entidades, entre eles o programa Aprol Economía Social (5 M€) ou o Bono consolida (máis de 2,7 M€).

Por outra banda, avanzarase na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes dándolle pulo ao Rexistro autonómico de cooperativas da man de todos os axentes implicados, apostando polo diálogo e a escoita activa, co obxectivo firme de ter aprobada a nova lei este ano, coincidindo coa celebración do Ano Internacional das Cooperativas.

Fonte: Xunta de Galicia

A Xunta impulsa a visibilidade e o crecemento da economía social a través do novo portal estatístico ‘Galestat’

Data

Categoria