Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A Xunta destaca nos Outonos Cooperativos a nova Lei de cooperativas que se aprobará en 2026 e o potencial do eido agroalimentario dentro da economía social
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no segundo faladoiro do evento Outonos Cooperativos, impulsado polo Consello Galego de Cooperativas en colaboración coa Xunta. Este segundo encontro contou tamén con Carmen Rodríguez, presidenta da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e vicepresidenta de Clun, así como co presidente desta cooperativa leiteira, José Ángel Blanco. Así mesmo, participou José Manuel Couto, socio da gandaría Casal Vilar na que se celebrou o faladoiro.
O secretario xeral destacou o potencial do eido agroalimentario dentro da fórmula do cooperativismo, recordando que o Goberno galego aprobará en 2026 a nova Lei de cooperativas que busca alentar a creación de novas iniciativas en sectores clave para o territorio coma este, pero tamén no dos servizos sociais, da enerxía ou da vivenda. Engadiu que se avanzará na simplificación administrativa e no reforzo da dixitalización e profesionalización para facilitar tanto a creación e posta en marcha de novas entidades como a xestión e consolidación das xa existentes.
