Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
O Día do Cooperativismo Galego celebra este sábado unha nova edición coa entrega dos Premios á Cooperación 2026 e a presentación do Himno do Cooperativismo Galego
A Xunta de Galicia e o Consello Galego de Cooperativas celebran este sábado, 4 de xullo, unha nova edición do Día do Cooperativismo Galego, o principal acto institucional do cooperativismo na comunidade. A cita reunirá na sede da cooperativa Martín Códax, en Cambados, representantes do sector cooperativo, da economía social e das principais institucións galegas.
O eixo central da xornada será a entrega dos Premios á Cooperación 2026, cos que se recoñece o labor de cooperativas que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento económico e social de Galicia, pola creación de emprego de calidade, pola innovación e polo seu compromiso co territorio e cos valores cooperativos.
Nesta edición, o Premio aos Valores Cooperativos distinguirá a Algalia, Sociedade Cooperativa Galega, de Vigo, pola súa traxectoria no impulso, aplicación e difusión dos principios cooperativos e da economía social.
O Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo Novo recaerá en Larega, Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil, de Pontedeume, especializada no deseño e implementación de políticas públicas e estratexias de desenvolvemento local sostible, destacando pola súa capacidade para integrar a economía social na planificación local e converter os retos do territorio en oportunidades de desenvolvemento.
Pola súa banda, o Premio á Traxectoria Cooperativa será para Xallas-Santa Comba, Sociedade Cooperativa Galega, entidade agrogandeira con máis de cincuenta anos de historia, recoñecida pola súa capacidade para evolucionar, diversificar os seus servizos e acompañar ás explotacións agrarias da comarca, mantendo un firme compromiso co desenvolvemento do rural.
A gala servirá tamén para entregar os premios do Certame Cooperativismo no Ensino, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que promove entre o alumnado galego o coñecemento do modelo cooperativo e fomenta o emprendemento colectivo a través da economía social desde as aulas.
Como principal novidade desta edición, presentarase oficialmente o Himno do Cooperativismo Galego, un novo símbolo pensado para acompañar os grandes momentos do movemento cooperativo galego. A iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia e o Consello Galego de Cooperativas, deu lugar á adaptación ao galego da obra orixinal grazas á colaboración da Secretaría Xeral da Lingua e ao Consello Superior de Cooperativas de Euskadi. Esta nova versión en galego conta coa letra de Claudio Rodríguez Fer e Cristina Fiaño, os arranxos musicais para banda e coro realizados por Benxamín Otero e a interpretación por parte da Banda Sinfónica Galega e o Coro Gaos, dando lugar a unha peza chamada a converterse na banda sonora das celebracións do cooperativismo galego.
A celebración coincide co Día Internacional das Cooperativas, que este ano se conmemora baixo o lema «Cooperativas por un mundo en paz», promovido pola Alianza Cooperativa Internacional. O lema pon o foco na capacidade das cooperativas para fortalecer comunidades, favorecer o diálogo e contribuír á construción dunha sociedade máis inclusiva e pacífica.
O acto estará presidido polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, e contará coa participación do alcalde de Cambados, Samuel Lago; da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; da secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez; do presidente da cooperativa Martín Códax, Xoán Allegue; do presidente do Consello Galego de Cooperativas, Modesto Rivas; así como de representantes das principais entidades do cooperativismo galego, entre elas AGACA e EspazoCoop, ademais doutras autoridades e representantes institucionais.
A gala estará conducida pola cantante e reporteira Fátima Pego e contará coa participación da Banda Sinfónica Galega e Coro Gaos, que acompañarán musicalmente a celebración e protagonizará un dos momentos máis especiais da xornada coa estrea do Himno do Cooperativismo Galego.
