Campaña "Coñecemos a fórmula para construír un futuro mellor”

A campaña “Coñecemos a fórmula para construír un futuro mellor” difunde os beneficios da economía social en Galicia

A Xunta de Galicia procura a sensibilización arredor da economía social como medio para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Ao longo de dúas semanas coñeceremos experiencias directas de diferentes cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e entidades de inserción galegas para visiblizar os beneficios dunha economía centrada nas persoas.

A Xunta de Galicia propón ás empresas galegas que traballan sobre os principios da economía social que compartan as súas fórmulas para a consolidación dun modelo económico sostible. Un modelo que propicie que as empresas medren e se consoliden no mercado ao tempo que impulsan un emprego de calidade e se preocupan pola sustentabilidade social e ambiental.

A través de diferentes experiencias directas coñeceremos como diferentes cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego ou empresas de inserción promoven a igualdade de dereitos, de recursos e de oportunidades, facilitan o empoderamento social e económico das mulleres, innovan utilizando os recursos con responsabilidade, contribúen ao necesario cambio de modelo enerxético ou producen coidando o noso planeta.

Compartir estas fórmulas, estas maneiras sostibles de traballar e producir, é o obxectivo dunha campaña que a través de medios gráficos e audiovisuais nos achega experiencias empresariais que nos axuden a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), obxectivos globais adoptados por Nacións Unidas como imprescindibles para un futuro digno tanto no social como no ambiental.

Desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria procúrase con esta campaña contribuír a sensibilizar á sociedade galega da necesidade dunha economía centrada nas persoas para garantir un futuro digno para todas e crear novo emprego de calidade. A campaña que comeza este luns 6 de xullo desenvolverase nas vindeiras semanas e poderase seguir nas canles da Rede Eusumo e a través dos cancelos #EconomíaSocial, #SeguimosAdiante e #ODS.

Acabase de publicar o primeiro de tres vídeos nos que diferentes cooperativas, empresas de inserción laboral e sociedades laborais comparten as súas receitas para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Podes visualizalo vídeo na seguinte ligazón.

Este é o segundo dos vídeos nos que algúns integrantes de diferentes empresas de economía social como Antía Pousa, da cooperativa Xeracción; Isabel Fraga, da empresa de inserción Arroupa e Alberto Amil, da cooperativa Horsal, falan do modelo de produción que vai ligado á igualdade de xénero e a redución das desigualdades, así como á seguridade alimentaria e á agricultura sostible. Podes visualizalo vídeo premendo nesta ligazón.

Por último, o derradeiro vídeo onde Daniel Ferreiro, da cooperativa agraria Aira; Luís Penide, do Centro Especial de Emprego Trameve, e Dolores Polo, da cooperativa de consumo Zocamiñoca, falan dun modelo de produción que vai ligado á acción polo clima, a cidades e comunidades sostibles e a produción e o consumo responsables. Preme aquí se queres visualizalo vídeo.

 

Luns, 6 July, 2020 - 09:00

Compartir