As cooperativas poden adherirse ao “Código de boas prácticas das sociedades cooperativas galegas” para mellorar a súa reputación e resultados

Nun momento no que a práctica mercantil vén esixindo aos seus entes a adhesión a formas de actuación responsables, o movemento cooperativo non pode pechar os seus ollos ao fenómeno que se está a vivir a nivel mundial, e máis sendo un movemento dinamizador da economía social. As sociedades cooperativas non son alleas á globalización dos mercados e da competencia, que supón unha necesaria adaptación e definición de novas estratexias, mediante a creación das súas propias redes de abastecemento, produción e distribución nos principais mercados internacionais, co fin de incrementar a competitividade e a súa integración nestes mercados.

A preocupación da sociedade actual por cuestións ambientais e sociais desemboca nunha demanda de información que as empresas deben satisfacer, o que redunda nunha maior sensibilización das empresas sobre a súa actuación nestes aspectos. Así, as cooperativas tamén toman conciencia do impacto da súa actuación sobre as persoas socias que a integran e expresan o seu compromiso de contribuír ao desenvolvemento económico, ao mesmo tempo que a mellorar a calidade de vida das persoas empregadas, das súas familias e da comunidade onde se integran, así como da sociedade no seu conxunto.

O Código de boas prácticas nas sociedades cooperativas galegas, elaborado polo Centro de Estudos Cooperativos co apoio da Xunta de Galicia, e que foi aprobado polo Consello Galego de Cooperativas, é un instrumento co que se pretende dar resposta a estas novas necesidades, a través da enunciación dunha serie de principios e regras que pretenden ser aplicables tanto no ámbito das relacións internas das sociedades cooperativas como nas súas relacións con terceiros.

Así, este código ten por obxectivo principal a procura dun comportamento transparente, honesto e responsable da cooperativa e os seus membros no seu ámbito de actuación, a busca dun impacto positivo daquela dentro da comunidade e a demanda de reflectir unha imaxe de confianza e mellora da súa reputación, propiciando deste xeito unha vantaxe competitiva e a mellora dos seus resultados.

Polo tanto, pode dicirse que o código constitúe un sistema de autorregulación polo que se establecen os principios e regras que rexerán a actuación e relación das cooperativas que se adhiran a el para cos seus membros, persoal traballador e outros operadores do ámbito da súa actuación (clientes, provedores, administracións públicas, etc.).

As sociedades cooperativas galegas poden adherirse libre e voluntariamente a este código de boas prácticas, adquirindo o compromiso de dar cumprimento aos principios que rexerán tanto a súa actuación interna como as súas relacións con terceiros no desenvolvemento da súa actividade, no marco do compromiso de responsabilidade social cooperativa.

Aquelas cooperativas que decidan adherirse, poden comunicalo a economiasocial.emprego@xunta.gal a través do modelo incluído como Anexo no propio código de boas prácticas, que se amosa a continuación. Deste xeito, levarase un rexistro das entidades adheridas ao que se dará publicidade a través desta mesma páxina co obxectivo de dar máis visibilidade ás cooperativas que asuman este compromiso de responsabilidade e transparencia.

Código de boas prácticas das sociedades cooperativas galegas

Venres, 19 January, 2018 - 14:30

Compartir