Fernando Simón, de Pulponor: “Medramos da man do sector, cooperando, e hoxe somos unha das distribuidoras de polbo máis fortes de Galicia”

Pulponor é unha empresa que segue os seus propios principios. Onde outros traballan pola súa conta, Pulponor coopera, como demostra a súa iniciativa colaboradora coa lonxa de Lira ou co proxecto Polbo de Lonxa. O seu equipo leva desde 2014 medrando de forma sostible e concienciando sobre o perigo do furtivismo. Pulponor é economía social de conciencia e de acción. Fernando Simón cóntanos máis detalles nesta entrevista.

Cal foi o contexto que deu orixe ao nacemento da cooperativa Pulponor?
Levaba traballando quince anos nunha fábrica, pero buscaba novas oportunidades e, xunto co meu irmán e a miña muller, decidimos  acondicionar as antigas instalacións dunha nave de conxelados que había na casa da miña familia. Acordamos facer unha cooperativa para crear o noso propio posto de traballo e tamén para facer as cousas en común. A partir de aí empezamos a darlle forma ao proxecto e decidimos distribuír e comercializar o polbo porque é un produto galego de calidade que ten boa demanda.   A nosa idea inicial foi constituír unha cooperativa para as polbeiras, co obxectivo de realizar compras en común, pero vimos que era inviable porque cada unha prefería traballar á súa maneira. Entón optamos por un modelo de venda tradicional, como fai todo o mundo, pero traballando produto galego, baixo a marca Polbo de Lonxa, creada por seis confrarías da Costa da Morte, que tamén son empresas de economía social. Desde entón somos os seus distribuidores exclusivos.

Que aspectos vos diferencian da competencia?
Unha das nosas diferenzas é que traballamos directamente co sector. Despois de ser capturado, o produto vai para a lonxa de Lira, onde as mariscadoras o limpan e empaquetan, nun sitio público. Somos transparentes, calquera pode comprobalo. Ademais, o feito de que o procesado se faga en Lira provoca que paguemos o dobre (un 0,9 euros o quilo) polo polbo que logo vendemos. Isto, multiplicado polas máis de 80 toneladas de polbo que mercamos cada ano, podería supoñer un aforro de decenas de miles de euros para nós, pero preferimos cooperar co sector e crear riqueza e emprego local.

O voso é un negocio orientado, sobre todo, a outros profesionais. Ademais da distribución, que outros servizos prestades?
Nós facemos a distribución de produtos conxelados. O polbo é o noso produto estrela, con aproximadamente o 80% da facturación, pero temos 200 referencias de conxelados. Facemos unha distribución de carne, peixe e verduras, un catálogo que fomos aumentando pola demanda da clientela. Os nosos principais clientes son polbeiras e as empresas da canle Horeca (Hoteis, Restaurantes e Cafés).

Como valorades a vosa traxectoria?
Desde a creación da cooperativa en 2014 o balance é moi positivo. Hai que ter en conta que non procediamos deste sector, e comezamos sen clientes. Fomos da man do sector, cooperando e, pouco a pouco, posicionando a nosa marca. Hoxe somos unha das empresas máis fortes comprando polbo en Galicia, e xa estamos mercando un volume similar ao de empresas que levan 30 anos no mercado.

Cales son as perspectivas de negocio de Pulponor para os próximos anos?
O crecemento non é igual todos os anos e hai moita diferenza entre eles, pero Pulponor vén medrando o dobre cada exercicio. Facemos unha venda máis cara que o resto de empresas, pero moi afianzada, con moita calidade e cun sistema de rastrexabilidade propio, sabendo incluso de que demarcación e de que lonxa procede cada produto. No noso favor xoga o feito de que o noso cliente final é cociña media e alta e, se está satisfeito, non soe cambiar de provedor con facilidade.

Vendedes só en Galicia ou en máis territorios?
Á parte da clientela xa mencionada, tamén estamos vendendo en Makro, que é unha distribuidora a nivel nacional moi forte. No ámbito do sector da restauración temos clientes en Barcelona, País Vasco, Asturias, Madrid e algúns no sur, pero a nosa principal actividade está en Galicia. Porén, o noso cliente con maior potencial de crecemento está en Cantabria e Canarias.

Desde as vosas redes sociais sensibilizades moito sobre a necesidade dunha pesca e marisqueo legais e sustentables. Como considerades que deben enfocarse as empresas e a sociedade para impulsar a pesca sustentable?
Comezamos a traballar na primeira reserva mariña galega, Os Miñarzos, que ten unhas características propias e onde as capturas está limitadas. Iso debería ser o exemplo a seguir para ser máis sustentables. O furtivismo é un problema, que nos fixo ver que o noso nicho de mercado estaba en orientarnos á canle profesional para gañar en rendibilidade e estabilidade. Se non coidamos a nosa contorna, non só perdemos a xente do sector do polbo, tamén toda a sociedade.

Considerades que o futuro da comercialización de polbo, fresco ou conxelado, pasará pola súa cría en piscifactoría, como xa se está experimentando con relativo éxito? Como vos afectará?
Pensamos que terá un grande impacto no sector. As empresas que agora compiten a prezo, coa chegada do polbo de cultivo terán que axustar as súas estratexias aínda máis, cos posibles efectos que iso teña no seu negocio. No noso caso, que nos centramos nun produto de prezo medio e alto, non notaremos tanto as consecuencias, aínda que si esperamos notar algo. Se analizamos os produtos de peixe que a día de hoxe se crían en piscifactoría, podemos comprobar que non son competencia dos salvaxes que se venden en lonxa. Teñen públicos diferenciados. E o mesmo pasará co polbo.

PULPONOR EN DATOS

Ano de creación: 2014
Nº de persoas socias e/ou traballadoras: 3 persoas.
Áreas de actividade: Distribución e comercialización de polbo e outros produtos conxelados.
Web:  http://www.pulponor.com

 

Mércores, 20 November, 2019 - 10:00

Compartir