Inés Carreira, socia de Simbiosis: “A cooperativa representa a simbiose na que cada unha de nós dá o mellor de si mesma”

A sensibilidade de gran parte da poboación pola saúde alimentaria vai a máis e, nos próximos anos, desenvolverá un papel fundamental no noso día a día. Simbiosis é unha cooperativa que asesora nos campos da alimentación e a sanidade, tanto a empresas como particulares. Nos últimos anos apostou forte pola formación, coa que pretende concienciar sobre a necesidade de lograr un mundo máis sustentable. O proxecto emerxeu en plena crise e, despois de varios anos, evoluciona da man da súa clientela para afrontar os retos de futuro.

Tres mulleres deciden crear a cooperativa en 2012 para emprender, pero tamén para facer as cousas doutro xeito. Por que baixo a economía social?
No ano 2012, en plena crise económica e estando as tres socias iniciais en situación de desemprego, xuntámonos para desenvolver un proxecto empresarial de economía social, centrado nas persoas e nos principios e valores cooperativos.

Consideramos que a cooperativa representa xustamente esa simbiose na que cada unha de nós dá o mellor de si mesma, tanto a nivel profesional como persoal. O obxectivo é facer fronte ás necesidades e aspiracións económicas, sociais e culturais de cada unha das socias a través da empresa e cremos que este modelo é o máis acaído para logralo.

Simbiosis é unha cooperativa que presta servizos para empresas do sector alimentario, pero entre as vosas áreas de actividade tamén se atopa a formación. Cal é a súa relevancia no voso traballo?
A cooperativa nace coa idea de prestar servizos de asesoramento a empresas que pertencen, en xeral, ao sector da alimentación en Galicia e, máis concretamente, ao sector da alimentación ecolóxica. Entre estes servizos de asesoramento podemos mencionar como exemplos o acompañamento á nosa clientela para que se adapte á lexislación sanitaria vixente ou a axuda na implantación de plans de xestión de alérxenos, entre outros proxectos. Tamén traballamos con particulares interesados en ter un maior coñecemento sobre os ámbitos da seguridade alimentaria e a nutrición, así como en sustentabilidade e medio ambiente.

A evolución da nosa actividade fixo que a formación sexa actualmente o servizo de maior peso na cooperativa. Pode ser presencial e a distancia. As áreas temáticas que abranguemos son diversas, como a de seguridade alimentaria, nutrición, biosanitaria ou veterinaria. Simbiosis está acreditada tanto por Fundae como polo Sistema Nacional de Saúde para ofrecer esta formación. 

Esa evolución tamén vos levou a prestar outros servizos que non están relacionados directamente co mundo alimentario e sanitario. Cales son?
Dado que na cooperativa contamos con profesionais expertas en diversas disciplinas, decidimos aproveitar ese capital humano para ir incorporando novos servizos, que ademais os nosos clientes demandan e prefiren externalizalos a unha única empresa. Un destes servizos adicionais é o asesoramento fiscal. Sabemos que a xestión dun negocio precisa un grande esforzo e a dedicación dunha boa cantidade de tempo. Por iso, axudamos a xestionar a parte laboral, fiscal e contable das empresas, cooperativas e persoas autónomas coas que traballamos. Tamén damos altas de autónomos e sociedades, encargámanos de comunidades de veciños e declaracións da renda.

Que perfís profesionais traballan na cooperativa? Cantas persoas forman parte da empresa?
Simbiosis está formada por un equipo multidisciplinar con ampla experiencia e formación en diversas disciplinas, desde expertas en veterinaria ata economistas. Por esta razón, podemos ofrecer un amplo abano de posibilidades de prestación de servizos de calidade. Actualmente somos cinco mulleres, aínda que hai dúas en excedencia para participar nun proxecto dun dos nosos principais clientes.
Ademais, traballamos con outras persoas, empresas e cooperativas, coas que colaboramos de forma activa, baseándonos sempre no principio de axuda mutua, mantendo entre nós unha auténtica relación de simbiose.

Como valorades a traxectoria nestes sete anos?
A experiencia laboral e persoal foi moi positiva. A orientación ao mercado fíxonos reorientar algúns eixes da nosa estratexia empresarial e tamén é a través del por onde miramos cara o futuro.

Cales son os proxectos que terán un maior crecemento nos próximos anos dentro da cooperativa?
A poboación é cada vez máis esixente á hora de consumir e iso fai que as empresas alimentarias teñan que adaptarse. Os productos ecolóxicos, os alimentos de calidade diferenciada, o valor nutricional e a información facilitada pola industria alimentaria ao consumidor serán os que dirixan o mercado e, por este motivo, cada vez son máis necesarias persoas con formación neste ámbito no que Simbiosis ten o seu espazo e a súa razón de ser, tanto asesorando a empresas como formando profesionais.

SIMBIOSIS EN DATOS

Ano de creación: 2012
Nº de persoas socias e/ou traballadoras: 5 persoas
Áreas de actividade: Formación e asesoramento en sanidade, seguridade alimentaria e nutrición. Asesoría laboral, contable e fiscal.
Web: www.cooperativasimbiosis.com

 

Mércores, 13 November, 2019 - 12:00

Compartir