A conselleira de Emprego e Igualdade puxo en valor no acto do 10º aniversario da Lei de economía social o gran dinamismo da economía social en Galicia

María Jesús Lorenzana puxo en valor no acto do 10º aniversario da Lei de economía social que tivo lugar en Madrid o pasado xoves 17 de marzo o gran dinamismo que a economía social está a demostrar nos últimos anos en Galicia, destacando que Galicia é pioneira á hora de lexislar sobre esta materia a través da adaptación da lei estatal á normativa autonómica e tendo en conta as particularidades do territorio e da economía galega, permitindo deste xeito, introducir novidades como a figura da cooperativa xuvenil para a poboación de entre 16 e 29 anos.

Galicia tamén lidera o crecemento en canto a número de cooperativas, cun crecemento medio entre 2007 e 2020 do 9% fronte ao 1,5% estatal, e pasando o peso das iniciativas galegas en relación co conxunto estatal do 2,9% ao 7,3%.

Actualmente en Galicia están rexistradas máis de 7.000 entidades e empresas de economía social. E no 2021, a pesar da situación pandémica, se crearon 174 novas iniciativas enmarcadas nesta fórmula de emprendemento. Estes indicadores son consecuencia de que as políticas públicas están a funcionar, pero tamén da implicación dos axentes territoriais.

A conselleira quixo resaltar tamén que a economía social é unha forza chave no mercado laboral galego, onde representa o 7% do PIB e encaixa cos valores e principios que caracterizan aos galegos, polo seu carácter emprendedor e a maneira de relacionarse coa contorna.

Destacou tamén que a Xunta está a traballar nunha nova Estratexia da economía social, tras o éxito da primeira, e na que se destinaron entre 2019 e 2021 máis de 89 millóns de euros.
Un dos obxectivos desta 1º estratexia era que houbese máis mulleres promotoras de Cooperativas, obxectivo que se cumpriu, xa que no período 2019-2021 pasouse dun 37% de iniciativas femininas a case un 51%.
Nesta período tamén xeráronse 715 postos de traballo a maiores e reduciuse nun 60% ata os 44 días, o tempo necesario para a constitución de novas iniciativas de economía social.

Nesta nova Estratexia, seguirase apoiando o crecemento da economía social na comunidade a través da Rede Eusumo, instrumento de traballo colaborativo, que cumpre este ano 10 anos e que ten a labor de informar, formar, asesorar e acompañar ás entidades de economía social galegas.

Lorenzana ademais nomeou aos programas Bono Consolida e ES-Transforma cos que a Xunta está a axudar a mellorar a xestión e modernización das entidades e a garantir a transformación de negocios tradicionais en fórmulas de economía social para asegurar a súa continuidade e contribuír tamén á substitución xeracional.

Por último convidou as persoas participantes no acto a acudir este ano a Santiago de Compostela, recoñecida como capital da economía social 2022, coincidindo coa celebración do Xacobeo.

 

 

Venres, 18 March, 2022 - 09:00

Compartir