A economía social estará presente no Futurgal da man da Rede Eusumo en colaboración cos Polos de Emprendemento

A economía social estará presente na primeira xornada do Futurgal Summit 2023, que se levará a cabo entre o 30 de novembro e o 5 de decembro no Campus de Ourense, en horario de tarde, de 16:30 a 19:00 horas.

Trátase dunha iniciativa organizada pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig) baixo o lema Empredemento como panca de futuro.

Un espazo no que estará representada a economía social galega a través da participación da sociedade laboral Galletas Daveiga, que fará unha intervención sobre as particularidades de emprender con compromiso social, e de Nosa Enerxía, que formará parte dunha mesa redonda, cuxa temática estará enfocada no emprendemento no rural con tecnoloxías.

Ademais, contarase coa participación de Víctor Lama, que falará das claves de innovación en emprendemento rural, e á mesa redonda uniranse outras empresas como Recarbo, que conta cunha aplicación de xestións para negocios do sector primario; Luxsit, que entre as súas actividades destacan os espectáculos de drons, e con BIOPRAEDIUM, unha empresa que combina os métodos máis tradicionais coas últimas novidades tecnolóxicas en materia de fabricación e sensorización no sector agroalimentario.

O público convidado a participar nesta xornada será o persoal docente e os universitarios do Campus de Ourense, así como o público en xeral interesado en coñecer aspectos relacionados co emprendemento e a aplicabilidade das tecnoloxías e innovacións ao emprendemento en zonas rurais.

O programa completo pódese consultar na páxina web de Futurgal, así coma información das actividades que se realizaran nos demais días de celebración da feira.

 

Futurgal Summit 2023

Segundo a propia organización, “Futurgal é un espazo de debate en torno á innovación e o emprendemento na rexión, onde fomentamos a creatividade e exploramos as posibilidades audaces que moldeará o noso mañá.”

Durante seis días, o Campus de Ourense reunirá a persoas apaixoadas pola innovación e o emprendemento nunha contorna dinámica e colaborativa, na que participarán máis de 50 persoas expertas, entre as que se atopan o experto en innovación Enrique Dans; a escritora e divulgadora Elsa Punset; Bernardo Quintero, fundador de VirusTotal; a deseñadora Ágata Ruiz de la Prada, ou Juan Verde, asesor do presidente de EEUU Joe Biden.

Tamén se levarán a cabo diversas mesas redondas que estarán centradas en temas como o turismo, a globalización e as novas tendencias e o empredemento no mundo da moda e en América Latina.

Ademais, o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de centros educativos en Galicia presentará proxectos e ideas innovadoras que estean relacionadas co emprendemento sostible no marco do Concurso de Emprendemento, Ideas e Innovación.

O evento é gratuíto e poderase asistir tanto de forma presencial como virtual, para o que as persoas interesadas deberán inscribirse a través da web futurgal.com.

 

Venres, 24 November, 2023 - 10:30

Compartir