A Rede Eusumo permitiu que a Xunta titorizase preto de 100 proxectos e contribuíse á creación de 17 novas entidades de economía social no que vai de 2022

A Rede Eusumo naceu hai dez anos con tres obxectivos: fomentar o espírito emprendedor a través da economía social; impulsar o modelo empresarial da economía social no ámbito local; e prestar apoio directo á creación e á consolidación de emprego con base na economía social.

Esta rede, integrada na actualidade por 87 entidades socias, permitiu a aparición dun total de 17 entidades novas e titorizou 93 proxectos enmarcados nesta fórmula solidaria de negocio durante o 2022.

Case 200 persoas recibiron este ano asesoramento e acompañamento para emprender a súa actividade no marco da economía social. De todas estas persoas, o 60% foron mulleres, aspecto que consolida a tendencia ascendente da cantidade de mulleres que apostan por iniciativas de economía social nos últimos anos.

No ámbito da formación, a Rede Eusumo formou máis de 1100 persoas (máis do 70% foron mulleres) que traballan nas entidades do sector para mellorar a súa competitividade. Impartíronse un total de 67 cursos en modalidade presencial e en liña sobre contabilidade, internacionalización, marketing dixital, comunicación, ferramentas dixitais innovadoras, etc.

Para conseguir todos estes avances, a Rede Eusumo contou en 2022 con apoios por valor de case 700.0000 euros por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que elevan ata os case 3 millóns de euros o investimento destinado desde 2018 ás actividades de promoción desta fórmula de emprendemento.

A Xunta seguirá reforzando as políticas autonómicas neste ámbito e os orzamentos de Promoción do Emprego e Igualdade para 2023 incrementan nun 20,87% o investimento para seguir impulsando a economía social, ata chegar aos 42 millóns de euros. No que vai de lexislatura (desde 2020) o crecemento foi do 55,5%.

 

Fonte: Xunta de Galicia

 

Luns, 21 November, 2022 - 09:00

Compartir