A Xunta de Galicia garante os apoios aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción durante a pandemia da covid-19

As dificultades que poidan sufrir os CEE e EIL como consecuencia do COVID non suporán ningún prexuízo de cara á súa permanencia como empresa de economía social e á obtención das axudas autonómicas.

O cese de actividade, suspensión de contratos ou redución de xornada derivados da pandemia do COVID-19, mentres estean vixentes as medidas de protección de emprego asociadas a esta, considerarase producido por causa de forza maior para os efectos de manter a cualificación e percepción das axudas.

MANTEMENTO DA CUALIFICACIÓN COMO CEE OU EIL

O cese temporal de actividade non se considerará incumprimento de cara ao mantemento da cualificación como centro especial de emprego ou empresa de inserción.
De igual forma, os períodos de suspensión dos contratos ou de redución de xornada laboral non se terán en conta para o cómputo das ratios exixidas para manter a cualificación como centro especial de emprego ou empresa de inserción.

CONCESIÓN DAS AXUDAS

O feito de que a persoa pola que se solicita a axuda estea afectada por un ERTE non impide a concesión da subvención. Non obstante, cando o importe da axuda se estableza en función do custo salarial, terase en conta o custo para a empresa.

CONTRATOS SUBVENCIONABLES

Cando se esixa unha duración mínima do contrato ou da xornada de traballo para ser subvencionable, o tempo de suspensión ou a redución non penalizan, e considerarase que se manteñen as condicións iniciais dos contratos.
O mesmo criterio se aplicará cando os contratos das persoas en inserción finalicen anticipadamente por vontade da persoa traballadora, por motivos xustificados na situación de pandemia.
Pola contra, cando as bases reguladoras establezan un período máximo subvencionable, a suspensión dos contratos interromperá o cómputo, que se retomará unha vez que as persoas contratadas se reincorporen aos seus postos.

OBRIGA DE MANTEMENTO DO EMPREGO E DE ACTIVIDADE

Cando se exixa o mantemento das condicións do contrato durante un tempo despois de obter a axuda, considerarse que se cumpre esta obriga durante o tempo de suspensión ou redución da xornada.

RATIO DE ATENCIÓN PARA OS EQUIPOS DE INSERCIÓN OU UNIDADES DE APOIO

Cando se esixa unha ratio determinada de persoal de apoio para atender persoas traballadoras con discapacidade ou en inserción, a diminución do número das persoas atendidas ou a redución da súa xornada non se considerará incumprimento nin suporá redución da axuda concedida.

ACTIVIDADE FORMATIVA NO PROGRAMA DE FORMACIÓN DUAL PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL

Cando non sexa posible a formación presencial, poderá autorizarse a súa realización en formato non presencial, logo de solicitude da entidade beneficiaria, sempre que a entidade de formación cumpra as condicións exixidas pola normativa vixente para a súa impartición.
Se non se opta pola modalidade de teleformación, poderanse xustificar os custos de formación, sempre que se acredite que a entidade tivo que soportalos e que os contratos do persoal formador non foron obxecto de suspensión nin redución de xornada.

Para visualizar a comunicación do Consello de goberno da Xunta de Galicia do 29 de maio sobre os apoio aos CEE e EIL preme aquí.

 

Venres, 29 Maio, 2020 - 09:00

Compartir