A Xunta destaca o apoio para promover o cooperativismo e fomentar a presenza da economía social no tecido emprendendor
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde na mesa de benvida do 1º Congreso de Economía Social e Solidaria en Galicia, impulsado por REAS Galicia, celebrado no Museo do Pobo Galego co apoio da Rede Eusumo.
Alí, puxo en valor as diferentes medidas que impulsa o Goberno galego orientadas a fomentar o cooperativismo e a economía social, co obxectivo de que sigan sendo modelos de éxito de emprendemento en Galicia. Neste contexto, mencionou os programas de apoio económico, de asesoramento e acompañamento, de formación e a realización de actividades divulgativas que desenvolve a Xunta a través da Rede Eusumo, que presta apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social asesorando a persoas e entidades interesadas en emprender neste ámbito.
Tamén fixo referencia á 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, coa que o Executivo autonómico persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sustentable, industrial, tecnolóxico e dixital, así como xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades.
Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración