A Xunta pon de relevo ante o Consello Galego de Cooperativas o orzamento de 2025 en economía social, que aumenta case un 3% con respecto a este ano
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na reunión da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas, onde afirmou que o compromiso coa economía social seguirá vixente en 2025, cun investimento neste eido de 44,8 millóns de euros que supón un incremento dun 2,8% con respecto a este ano. Reeditaranse convocatorias como a de Aprol Economía Social, que recolle apoios ao emprego en cooperativas e sociedades laborais e da que hoxe mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) un aumento de crédito para a orde de 2024 co gallo de dar resposta a todas as solicitudes recibidas que cumpren os requisitos cun importe total próximo aos 6 millóns de euros.
Co compromiso de impulsar a economía social como motor de crecemento sustentable que xera emprego de calidade, inclusivo e vencellado ao territorio, o secretario xeral tamén destacou que se está a elaborar da man do sector a nova Lei de cooperativas de Galicia, co gallo de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes. Todo no marco da segunda Estratexia da economía social, unha planificación con horizonte 2027 e un orzamento de 174 millóns de euros coa aspiración de xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial.
Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración