A Xunta pon de relevo no ‘Congreso nacional sobre fomento da economía social’ a 2ª Estratexia galega para darlle un pulo a este ecosistema

Valencia, 26 de setembro de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asiste hoxe ao Congreso nacional sobre fomento da economía social que se celebra ata mañá en Valencia. Nunha cita que estará centrada nos instrumentos fiscais e nas políticas públicas a prol deste ecosistema económico, a representante da Xunta participará pola tarde nunha mesa de debate sobre as accións de impulso neste eido levadas a cabo a nivel autonómico e local.

En concreto, a directora xeral abordará -nun encontro no que tamén haberá participantes das universidades de Santiago de Compostela, Zaragoza e La Laguna e da Xarxa de Economia Solidaria de Catalunya- a 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, coa que o Goberno galego persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sustentable, industrial, tecnolóxico e dixital, así como xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades.

A maiores, segundo Mariño, búscase incidir en mellorar as competencias das persoas e entidades que desenvolven a súa actividade no cooperativismo e no resto dos modelos da economía social. Entre as medidas concretas a desenvolver, porase en marcha unha rede de aceleradoras que permita atraer ideas e investimentos á economía social galega e implantar programas para identificar oportunidades de negocio. Tamén se prevé crear un campus formativo para a capacitación de axentes intermedios e persoal de xestoría.

A Xunta quere dotar ás entidades de medidas que favorezan a comunicación das iniciativas e reforzar o peso desta fórmula no conxunto da economía galega. Neste sentido, proponse a revisión de aspectos normativos que permitan maior emprendemento en economía social, reducindo o tempo de constitución das entidades co gallo de aumentar o seu número en sectores emerxentes.

A nova Estratexia de Economía Social aposta, deste xeito, polo impulso da competitividade e do crecemento deste modelo, con accións que apoien a remuda xeracional, encontros de entidades para testar produtos e servizos e avanzando no uso das novas tecnoloxías, así como na innovación e investigación.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Xoves, 26 September, 2024 - 18:00

Compartir