A ECONOMÍA SOCIAL DE GALICIA, PRESENTE NO CULTURGAL

O sector cultural da economía social galega estará presente por sexto ano consecutivo na Feira das Industrias Culturais (Culturgal) a través dunha variada programación de espectáculos e actividades de creación ao vivo para todos os públicos promovida pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

As últimas restricións fixadas pola autoridade sanitaria para facer fronte á covid-19 impiden este ano a existencia de stands expositivos, aínda que a economía social estará presente na iniciativa a través dunha variada programación de espectáculos e actividades de creación en vivo para todos os públicos.

 

A arte, o teatro, a narración oral e a música en directo protagonizan as propostas que sete entidades (seis cooperativas e unha sociedade laboral) presentarán na 13ª edición da Feira o sábado 28 de novembro entre as 19.15 e 20.15 horas.

 

A programación, dirixida a todas as idades, poderá verse en directo de xeito presencial no Espazo Foro do Pazo da Cultura ou  a través da páxina www.cultur.gal e de Youtube.
 

Deste xeito, a economía social galega poderá amosar ao gran público o seu dinamismo e capacidade de adaptación nun momento no que empresas, entidades e profesionais da cultura se están a ver afectadas polo cese de actividades, a cancelación ou adiamento de programacións como consecuencia das medidas de prevención contra a covid-19.
 

PROGRAMACIÓN - HORA DA ECONOMÍA SOCIAL

 

19:15-20:15h. CESTOLA

A cooperativa Cestola realizará unha intervención artística en vivo ao longo da Hora da Economía Social, de forma simultánea ao resto de actividades.

 

19.20-19.30h. CULTURACTIVA

Culturactiva, S. Coop. Galega ofrece un espectáculo de narración oral e música para público infantil “O pozo das señoras”, da compañía Rilo&Penadique, que convida a recuperar o noso patrimonio inmaterial a través da narración de lendas e historias reais.

 

19.30-19.40. URDIME

A cooperativa Urdime convida a gozar do espectáculo de teatro e de narración oral pola igualdade “Carabranca”, da actriz Iria Pinheiro (Premio María Casares á mellor actriz e mellor texto orixinal 2019 e Premio Maruxa Villanueva á interpretación 2019).

 

19.45-19.55h. MIUDIÑO

A cooperativa Miudiño trae o espectáculo musical “Cantares para nos coidar”, de Cé Orquestra Pantasma, cun pequeno repertorio vencellado á ecoloxía e aos coidados.

 

19.55-20.05h. DEZDEDEZ e 7H

A sociedade laboral DezdeDez presenta unha pequena pílula do "Ciclo Metropolitano Pola Igualdade na Música e nas Artes Elas Son Artistas" coa actuación musical de LAU a a pintura en directo de Eva Agra, de 7H Cooperativa Cultural.

 

20.05-20.15h. CHARLATANA

Coma punto final, a cooperativa Charlatana presenta “A apalpadora”, un espctáculo da narradora oral Iseo Agilda, que aborda a historia dunha muller namorada da vida na montaña.

 

 

Sábado, 28 November, 2020 - 19:00 to 20:30

Compartir