O Centro de Estudos Cooperativos presentou o Informe economía social en Galicia 2021 co apoio da Xunta

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asistiu en Santiago de Compostela á presentación do Informe economía social en Galicia 2021, elaborado polo Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop) co apoio da Xunta.

Este informe constata que con 135 cooperativas novas, o 2021 convértese no ano de maior inscrición deste tipo de entidades de toda a serie histórica, mantendo unha tendencia á alza constante desde 2017. Lorenzana salientou, ademais, que esta fórmula avanza cara á igualdade, xa que o 51 % das persoas socias fundadoras das cooperativas constituídas en 2021 foron mulleres.

O estudo tamén reflicte que as sociedades laborais aumentaron en 2021 constituíndose un total de 28 ata chegar ás 656 activas; o número de empresas de inserción mantívose en 13 con máis persoas contratadas; e a cifra de centros especiais de emprego incrementouse en seis máis que en 2020, chegando a 117, dos que 58 pertencen á economía social. 

A conselleira, ao abeiro dos datos que recolle o informe, puxo en valor tamén a inclusión e crecemento da perspectiva de xénero nas principais fórmulas que engloba a economía social. En total, este modelo empresarial en Galicia está conformado por preto de 14 000 persoas traballadoras nas máis de 3000 entidades que operan neste segmento da economía, representando o 7 % do PIB, o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros.

Lorenzana resaltou que “é importante a realización deste tipo de informes para ampliar o coñecemento sobre este modelo empresarial que contribúe á cohesión social e do territorio, pon o foco nas persoas e se basea na xeración dun emprego inclusivo, igualitario e solidario”. Así mesmo, afirmou que estes estudos permiten coñecer máis sobre a situación do sector para adoptar medidas orientadas a consolidalo e ampliar os seu nichos de mercado. 

A conselleira tamén aproveitou a ocasión para destacar a aposta da Xunta pola economía social que en 2023 contará cun orzamento total de 42 millóns de euros, o que supón que case un terzo de investimento destinado á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social irá destinado a este fin. Así mesmo, indicou que a Xunta está a ultimar a nova Estratexia galega da economía social e salientou que a Rede de polos de emprendemento e de apoio ao emprego da Xunta potencia tamén a economía social como unha “fórmula de éxito” para emprender. 

 

Fonte: Xunta de Galicia

 

Luns, 5 December, 2022 - 09:00

Compartir