Plan Galicia Emprega - Programa emprego con apoio (Programa II) - PECHADO O PRAZO

A Xunta de Galicia convoca para este ano 2022 o Plan Galicia Emprega co seu programa II - emprego con apoio
Este programa consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.
As accións de emprego con apoio que se desenvolven son as seguintes:
a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada.
b) Labores de achegamento e mutua axuda entre a persoa traballadora beneficiaria, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas.
c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias.
d) Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
e) Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo.
f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.
Persoas destinatarias da subvención:
- As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio, e ademais que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter por obxecto social a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
b) Contar no seu cadro de persoal con preparadores ou preparadoras laborais especializados ou comprometerse a incorporalos, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.
c) Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
d) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto. - Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no rexistro administrativo de centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e as empresas de inserción laboral, que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego, e ademais que cumpran os seguintes requisitos:
a) Contar no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados ou comprometerse a incorporalos, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.
b) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto. - As empresas do mercado ordinario de traballo, incluído o persoal traballador autónomo, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das ditas accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados ou se comprometan a incorporalos, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.
O orzamento para este programa é de 500.000 euros.
As contías da axuda:
- Por persoas con parálise cerebral, enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%: 8.500 euros anuais/persoa
- Por persoas con parálise cerebral, enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%: 5.500 euros anuais/persoa
- Por persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao recoñecido igual ou superior ao 65%, xordas e con discapacidade auditiva cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, ou en situación ou risco de exclusión: 3.300 euros anuais/persoa.
Estas contías poden incrementarse nun 25% mais se cumplen algún destes requisitos:
- Se é unha muller
- Se é unha persoa maior de 45 anos
- Se é unha persoa emigrante retornada
- Se é unha persoa trans
- No caso de que o seu centro de traballo estea situado nun concello rural.
O prazo de presentación das solicitudes finaliza o 30 de setembro de 2022.
Para consultar a orde preme aquí.
Se queres visualizar unha infografía coa información máis relevante, preme aquí.